|
Lalín ten unha importante tradición comercial nun medio que ata hai pouco tempo era eminentemente rural. Os cambios producidos neste medio e o desenvolvemento das actividades industriais na vila traducíronse na aparición de novos grupos de consumidores e nunha paulatina modernización do sector comercial. O proceso de urbanización de Lalín foi acompañado dunha crecente actualización do comercio tradicional e da apertura de novos negocios que atopan en Lalín un mercado atractivo. Tal e como os propios comerciantes apuntan, Lalín é unha boa praza comercial, este é o argumento de fondo para que grandes cadeas desembarquen na vila con novas superficies comerciais. • Hai que subliñar o esforzo do concello por mellorar urbanisticamente os principais eixes comerciais de Lalín; no entanto, aínda existen certas lagoas en vías moi próximas a estes eixos (contorno do mercado municipal, rúa Rosalía de Castro) ou mesmo nas rúas que presentan un maior dinamismo comercial (parte final da avenida Luís González Taboada, rúa D, rúa Wenceslao Calvo Garra e rúa Alcalde Ferreiro). • Unha das maiores deficiencias dende o punto de vista do urbanismo comercial, amplamente recoñecida por comerciantes e consumidores, é a falta de aparcadoiros e o caos circulatorio que a certas horas afecta á capital do Deza. A apertura dun aparcadoiro e a urbanización do Regueiriño poden ser dúas accións que resolvan as ditas deficiencias. • O atractivo comercial de Lalín é patente cando comprobamos que unha parte importante da súa clientela provén dos concellos da comarca do Deza, ou incluso, nunha porcentaxe evidentemente menor, do resto de Galicia. Esta capacidade de atracción de certos sectores como son o téxtil, a alimentación, o calzado ou a hostalería é unha das grandes potencialidades da vila. • Malia o bo nivel do comercio lalinense hai unha serie de carencias que son competencia exclusiva dos propios comerciantes. Hai un certo desfase no referente á decoración dos locais, ao escaparatismo e a cuestións que son elementais para ofrecer un servizo de calidade ao consumidor, como son rótulos de horarios e prezos. • Tanto os consumidores coma os comerciantes recoñecen que no comercio de Lalín fai falta unha maior profesionalidade. A profesionalidade é un concepto que resume un amplo abano de calidades que van dende as condicións dos locais ata a atención ao cliente, pero que incide especialmente na capacidade do comercio e a hostalería de Lalín de adaptarse aos novos tempos sen renunciar ás peculiaridades do pequeno comercio (confianza, proximidade, posibilidade de combinar lecer-compra-relacións sociais...). Chama a atención que tanto comerciantes coma consumidores demanden unha maior atención do sector comercial e hostaleiro de Lalín ás cuestións publicitarias e de promoción (campañas conxuntas, prezos e oportunidades, imaxe común...). A excelencia do comercio lalinense radica na súa capacidade de ofrecer servizos comúns a uns consumidores que cada vez son máis esixentes e cuns estilos de consumo ancorados nos novos tempos que corren. |